Saltar ao contido

VILANOVA TURISMO

Portada » Vilanova de Arousa recibe en Madrid o título de Festa de Interese Turístico Nacional para a Festa do Mexillón e o Berberecho

Vilanova de Arousa recibe en Madrid o título de Festa de Interese Turístico Nacional para a Festa do Mexillón e o Berberecho

Vilanova de Arousa está de parabéns. A Festa do Mexillón e o Berberecho, un dos eventos gastronómicos e culturais máis emblemáticos de Galicia, alcanzou un fito histórico tras máis de 30 anos de traxectoria ao ser declarada oficialmente Festa de Interese Turístico Nacional.

Este prestixioso recoñecemento non só premia tres décadas de esforzo, tradición e sabor mariñeiro, senón que consolida ao noso municipio como un destino turístico de referencia imprescindible no corazón das Rías Baixas.

Un recoñecemento histórico á autenticidade vilanovesa
O proceso que culminou nesta importante distinción nacional consolidouse o 27 de maio de 2026 coa firma da resolución por parte da Secretaría de Estado de Turismo, anunciada o 25 de xuño e ratificada coa súa publicación no Boletín oficial del Estado (BOE) o pasado 3 de agosto. Con este gran selo apoiando o seu arraigamento, Vilanova celebrou entre o 6 e o 9 de agosto a #trixésimo segunda edición (XXXII) da súa gran festa estival.

A entrega oficial do diploma acreditativo tivo lugar nunha cerimonia celebrada no Teatro Real de Madrid. Ata a capital desprazouse unha delegación institucional encabezada polo alcalde de Vilanova de Arousa, Gonzalo Durán, xunto á concelleira de Urbanismo e segunda tenente de alcalde, Nuria Morgade, e a concelleira de Educación, Áurea Bermúdez.

Orgullo, traballo en equipo e a mirada posta no futuro
Para Vilanova de Arousa, este galardón é o premio á dedicación continuada da veciñanza, mariscadores, hostaleiros e traballadores municipais que desde a primeira edición en 1994 envorcaron a súa paixón en poñer en valor os tesouros da nosa ría.

O alcalde, Gonzalo Durán, destacou que a obtención deste selo é “unha honra e un orgullo que demostra o bo facer da nosa administración respecto ao turismo”. Ademais, salientou que este logro supón “un punto e seguido” na estratexia turística da Vila, fixando como novo obxectivo alcanzar nun lustro a declaración de Festa de Interese Turístico Internacional e seguir afianzando a Vilanova como a auténtica «Capital do Mexillón».

Pola súa banda, a concelleira Nuria Morgade subliñou a magnitude dun proxecto consolidado durante máis de tres décadas, expresando a satisfacción de comprobar “a consideración tan positiva que ten o resto de España pola nosa gastronomía, costumes e tradicións”. Así mesmo, a concelleira Áurea Bermúdez lembrou que este recoñecemento “premia o esforzo e o traballo de moitas persoas de Vilanova que levan desde os anos 90 traballando nesta festa”.

Ir o contido
VILANOVA TURISMO
Resumo de privacidade

Este sitio web utiliza cookies para que poidamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies gárdase no teu navegador e realiza funcións como recoñecerte cando volves ao noso sitio web ou axudar ao noso equipo a comprender que seccións do sitio web che resultan máis interesantes e útiles.

Haz clic para escuchar el texto