Vilanova de Arousa consolida o éxito do seu verán gastronómico e cultural coa XXXII Festa do Mexillón e do Berberecho. Tras catro intensas xornadas de celebracións, que tiveron lugar entre o 6 e o 9 de agosto, o Concello de Vilanova de Arousa cualificou a última edición do evento como un “éxito rotundo”. Trátase dunha edición especialmente significativa para o municipio, ao ser a primeira celebrada trala súa declaración oficial como Festa de Interese Turístico Nacional.
O equipo de goberno municipal, encabezado polo alcalde Gonzalo Durán e acompañado polos concelleiros Javier Tourís, Eliana Vidal e Nuria Morgade, presentou un balance moi positivo que confirma o imparable crecemento dunha cita que xa se sitúa na elite dos eventos gastronómicos galegos.
Máis de 7.500 quilos de bivalvos e 12.000 comensais
Se hai algún dato que poida avalar o excelente momento que vive a festa, este é, sen dúbida, o rexistrado na carpa gastronómica.
Os datos presentados polo Concello de Vilanova de Arousa amosan que, durante as catro xornadas do evento, máis de 12.000 persoas pasaron polo recinto para degustar as mellores elaboracións destes prezados produtos da ría. Unha cifra que supera por moito as rexistradas en anteriores edicións da Festa do Mexillón e do Berberecho.
En total, consumíronse preto de 7.550 kg de bivalvos, arredor de 1.200 kg de mexillóns e 600 kg de berberechos, cunha media de máis de 3.000 comensais ao día durante as case oito horas diarias nas que estivo operativo o servizo.
Éxito de público na programación cultural e comercial
A oferta cultural e comercial foi outro dos piares do éxito das festas. O concelleiro de Cultura, Javier Tourís, destacou o entusiasmo do público coas actuacións do ciclo Sonatas de Verán 2026: “O concerto de Panorama foi incrible, Treixadura non defraudou e Roi Casal é xa un clásico no programa”, un cartel que se completou co ritmo de Take it Easy e Mekanika Rolling Band nas sesións vermú.
A este éxito musical sumouse a afluencia masiva á procesión marítima da Virxe do Carme, que reuniu máis de 50 embarcacións na ría; e o fluxo constante de público na XXII Feira de Oportunidades organizada pola asociación “Vilanova Centro”, que contou con máis de 20 negocios vendendo os seus produtos a prezos de saldo na Avenida do Recheo.
Rumbo ao recoñecemento internacional
Á luz destes resultados, o alcalde de Vilanova, Gonzalo Durán, destacou o salto cualitativo experimentado pola vila: “Estamos achegándonos cada vez máis aos niveis de presenza que ten Cambados durante o Albariño“, asegurou, situando a celebración de Vilanova “de ti a ti” con eventos referentes como a Festa do Marisco do Grove. Coa festa afianzada na “primeira división”, o Concello fixa xa o seu próximo obxectivo: lograr a declaración de Festa de Interese Turístico Internacional.
Un programa repleto de gastronomía, música e tradición
Esta trixésimo segunda edición despregou unha oferta transversal para todos os públicos. O eixe principal foi a carpa gastronómica de degustación, complementada polos grandes concertos nocturnos de Panorama, Treixadura e Roi Casal, as dinámicas sesións vermú a cargo de Take it Easy e Mekanika Rolling Band, a tradicional e multitudinaria procesión marítima da Virxe do Carme e a XXII Feira de Oportunidades organizada polo comercio local da vila.