Unha historia moi viva
Ao contrario do que parece, Vilanova de Arousa ten moita vida tras de si. Os restos máis antigos achados no municipio datan do Paleolítico. Tamén existen restos da cultura castrexa e da ocupación romana a través de moedas atopadas en Tremoedo e da ponte romana de Ponte Arnelas.
Etapa de Ouro no Reino de Galicia
A súa época dourada céntrase no século VI, resultando crucial para o antigo reino de Galicia e para a expansión do Cristianismo nestas terras. Daquela época consérvanse restos como a Torre de Cálago, que formaba parte do antigo Mosteiro de San Ciprián de Cálago fundado no século IX por San Frutuoso.
Na parte interior do municipio localizábase o Castelo de Lobeira (reconvertido hoxe nun miradoiro), que conformaba un dos puntos de defensa de Compostela -o lugar onde se custodia o sepulcro do Apóstolo Santiago- fronte as invasións normandas. De especial interese resultaba a defensa dunhas terras de gran importancia económica pola súa explotación de produtos mariños e pola produción de sal nas salinas (de aí o nome da comarca de Val do Salnés na que se localiza Vilanova).
Expansión cristián no territorio
Avanzando na Idade Media, a importancia do Cristianismo crece no século XII coa construción das igrexas de Baión, Santa María de Caleiro co seu caserío e parte de Deiro. O paso dos séculos irá sementando o territorio de Vilanova de Arousa con máis igrexas e capelas.
Máis de cinco séculos de herdanza pesqueira
A importancia de Vilanova como porto pesqueiro constátase no século XVI, cando a localidade abastecía de pescado a toda Castilla, sendo as súas ostras escabechadas o manxar desexado polas cortes. Xa no século XVIII, coa expansión da industria de salgadura e pesqueira, implantáronse as primeiras fábricas na comarca. Desde entón, este sector converteuse en base da economía local, chegando esta herdanza ata a actualidade.
Terra de torres e pazos
A riqueza xerada en Vilanova tamén levou a que na época barroca se convértese en terra de torres e pazos. Entre eles, destacan os Pazos de Fontán e Cabido (en Baión); o de Rúa Nova (en András), ou, xa na capital municipal, o do Cuadrante -casa natal de Valle-Inclán-.
Vilanova de Arousa, un mar de vida
Na actualidade, Vilanova de Arousa é un municipio estreitamente vinculado ao mar, pero no que non deixa de lado os oficios vinculados á terra, como a viticultura. A súa capital dispón de todos os servizos necesarios para unha vida tranquila a pé de ría, sen renunciar ás comodidades da vida moderna. Un lugar para vivir, desfrutar, comprar, camiñar, navegar, aprender e relaxarse.