Cultura
Vilanova de Arousa conta cunha intensa vida cultural e cun pasado cargado de grandes escritores e patrimonio singular. Invitámoste a percorrer distintos puntos do municipio a través das nosas rutas literarias, a participar da programación cultural e de lecer que temos e a descubrir as orixes da nosa localidade. ¡Non te perdas estas propostas!
Patrimonio
Achégate ás dúas grandes xoias patrimoniais do noso municipio. Poderalas atopar na capital municipal, moi preto do núcleo urbano.
Valle-Inclán
Rutas valleinclanianas
Vilanova de Arousa é a terra que viu nacer ao xenio da literatura española Ramón María del Valle-Inclán. As súas obras están salpicadas de diversas referencias ao seu pobo de orixe e así o poderás comprobar nos dous itinerarios literarios que che propoñemos: un polo núcleo urbano e outro por distintas parroquias do municipio.
Festival de Teatro Valleinclaniano
Trátase dunha das grandes citas do verán cultural vilanovés. O centro de referencia, neste caso, é o Auditorio Valle-Inclán, localizado na rúa Esteiro, a un paso do casco urbano. O programa inclúe espectáculos teatrais de alta calidade, con representacións de obras de Valle-Inclán a cargo de compañías procedentes de distintos puntos do país. Descubre aquí os programas culturais deste ano.
Julio Camba
Outro dos grandes prodixios das letras con orixes na capital municipal é Julio Camba. Considerado o primeiro correspondente de prensa no estranxeiro de España, este periodista e escritor mantivo sempre unha estreita relación coa súa terra e a mencionou en numerosas ocasións nas súas obras. Para que poidas seguir os seus pasos, ofrecémosche a ruta A Vilanova de Julio Camba, a través da que percorrerás os seus recunchos predilectos na vila.
Programación cultural anual
Vilanova de Arousa conta cunha ampla programación cultural, especialmente intensa durante os meses de verán. Pero durante todo o ano, o Concello ofrece multitude de propostas consolidadas xa no calendario, como as seguintes:
Nadal cultural
Programa de actividades que se desenvolven nas Casas da Cultura de tódalas parroquias na época do Nadal (entre o 20 de decembro e o 7 de xaneiro).
Actividades de Entroido
Propostas dirixidas a público infantil e familiar que ten o seu broche coa Festa do Momo, que se organiza o Domingo de Piñata.
Campaña de fomento da lectura
Desenvólvese nas casas de cultura e as súas correspondentes axencias de lectura e comprenden diverso tipo de actividades. Estas xiran especialmente en torno a dous efemérides: o Día do Libro (23 de abril) e o Día das Letras Galegas (17 de maio).
Sonatas de verán
Baixo esta denominación aglutínase toda a programación e espectáculos de lecer que o Concello de Vilanova organiza durante os meses estivais. Entre as propostas destacan os concertos e actuacións de diversa índole, todas elas de carácter gratuíto.
Animavilanova
Programa de animación infantil que se desenvolve todas as mañás do verán e que inclúe diferente tipo de actividades de ocio.
Semana da Cultura
En torno ao 28 de outubro, data na que naceu Ramón María del Valle Inclán, Vilanova mergúllase nunha semana chea de actividades culturais para honrar o seu ilustre escritor.