O IV Festivalle baixou o pano rexistrando un récord de asistencia ás diferentes actividades, consolidándose, así, como referente cultural non só en Galicia, senón tamén en España. Ao redor de 2.500 persoas participaron nalgunhas das propostas culturais desenvolvidas en Vilanova de Arousa entre os días 8 e 11 de xullo. O evento incluíu, ademais das propias representacións teatrais, proxeccións audiovisuais, un curso de verán e a presentación do libro ‘As orixes de Valle-Inclán’ (Terra, liñaxe e lenda), do doutor Francisco Xavier Charlín.
Esta presentación, que se desenvolveu na Casa-Museo Valle-Inclán, puxo o broche de ouro a unha intensa semana de actividades culturais. A obra é froito da tese doutoral do autor, cualificada como sobresaliente Cum-Laude pola Universidade da Coruña, e realiza unha rigorosa reconstrución da contorna familiar, social e xeográfico que marcou a mocidade do Ramón Mª do Valle-Inclán en Vilanova de Arousa. Unha publicación que, en palabras do alcalde vilanovés, Gonzalo Durán, converterase en referencia para o estudo do excepcional literato nado na vila.














Polo escenario do Auditorio Valle-Inclán pasaron as agrupacións madrileñas Teatro del Canal – Estival Produciones, coa obra Los cuernos de Don Friolera, e Compañía Tribueña, que representou La rosa de papel y El embrujado. A gran novidade desta cuarta edición foi a incorporación das proxeccións cinematográficas, presentando dúas mediometrajes que achegan novas visións do legado de Valle noutras manifestacións culturais, que rexistraron unha excelente acollida entre o público.
Por se este ano o perdeches, lembra que, a principios de xullo, tes unha cita obrigada co teatro en Vilanova de Arousa!