A tendencia á alza de visitantes a Vilanova de Arousa non cesa e así se puido comprobar na última edición da Festa do Mexillón e o Berberecho. Nesta trixésima edición da exaltación gastronómica superáronse cifras de asistencia con respecto a anteriores anos, o que augura boas perspectivas con respecto aos vindeiros veráns.
Así, entre os días 9 e 11 de agosto, Vilanova converteuse no epicentro do lecer da zona, contando con turistas procedentes de distintos puntos da comunidade autónoma e tamén de España. No en van, a ocupación durante días do evento no municipio estivo ao 100%, superando os datos de 2023. Cómpre salientar que, entre os perfís de visitantes se atopaban familias, que aproveitaron os días de descanso estivais para desfrutar da ampla oferta turística e de lecer do municipio.
O programa festivo ofreceu multitude de actividades que tiveron como eixo vertebrador o mexillón e o berberecho. Na carpa gastronómica, instalada na Praza de O Castro, superáronse as cifras da pasada edición no que a produto se refire, incrementándose en un 42% con respecto a 2023. No menú incluíanse unha ducia de propostas gastronómicas, entre as que os mexillóns e berberechos ao vapor, os mexillóns tigre, a paella de mariscos e o polbo á feira.
Música, homenaxes, feira de oportunidades e procesión marítima protagonizaron as catro xornadas festivas en Vilanova de Arousa, que culminaron o domingo 11. O día grande da celebración acolleu a entrega de Insignias de Ouro e Brillantes, que, nesta ocasión, se centraron en promotores da cultura no municipio. Os galardoados foron o músico Fernando Casal Tacón; a restauradora de arte María del Carmen Del Valle Galbán e a Asociación de Amigos de Valle-Inclán.